XEAS Mulleres que estudan a Terra

Mulleres que estudan a Terra Rosa María Mateos e Ana Ruiz Constán ilustracións Nívola Uyá XEAS

XEAS Mulleres que estudan a Terra © Dos textos Rosa María Mateos e Ana Ruiz Constán © Das ilustracións Nívola Uyá © Da tradución Irene Pérez Cáceres Verán de 2022

Rosa María Mateos e Ana Ruiz Constán ilustracións Nívola Uyá Mulleres que estudan a Terra XEAS

Agradecementos A Comisión “Mujeres y Geología” da Sociedade Xeolóxica de España (SGE), a “Asociación de Servicios de Geología y Minería Iberoamericanos” (ASGMI) e a “Federación Europea de Geológos” (EFG) fixeron posible que esta publicación vexa a luz nunha primeira versión en castelán e inglés. Queremos dalas grazas especialmente a Irene Pérez Cáceres pola súa implicación no proxecto GEAS que permitiu que a versión en galego XEAS Mulleres que estudan a Terra sexa hoxe unha realidade, e a Emilio Ballesteros pola súa revisión. Confiamos con esta irmandade que as vidas destas doce pioneiras da Xeoloxía dean a volta ó mundo. Comisión Mujeres y Geología Sociedad Geológica de España

1 Mary Anning | Reino Unido | Recolección de fósiles | 1799-1847 2 Florence Bascom | EEUU | Petroloxía e Docencia a |1862-1945 3 Inge Lehmann | Dinamarca | Xeofísica | 1888-1993 4 Marguerite Thomas Williams | EEUU | Sedimentoloxía | 1895-1991 5 Dorothy Hill | Australia | Paleontoloxía | 1907-1997 6 Mary Leakey | Reino Unido | Paleoantropoloxía | 1913-1996 7 Mareta Nelle West | EEUU | Astroxeología | 1915-1998 8 Marie Tharp | EEUU | Cartografía | 1920-2006 9 Carmina Virgili | España | Estratigrafía e Política |1927-2014 10 María Fernanda Campa Uranga | México | Enxeñería Xeolóxica e Política | 1940-2019 11 Katia Kraft | Francia | Vulcanoloxía e Riscos Xeolóxicos | 1942-1991 12 Kathryn Dwyer Sullivan | EEUU | Xeoloxía mariña e planetaria | 1951 Xeóloga | País | Especialidade | Época

Hai unha historia que non está na Historia e que só se pode rescatar aguzando o oído e escoitando os murmurios das mulleres. Rosa Montero

Prólogo A xeoloxía é a ciencia que explora a Terra, que remexe as súas entrañas para coñecer as sacudidas e desvaríos que viviu o noso planeta baixo a plenitude do tempo. Dende as súas orixes, o ser humano sentiuse atraído polos interrogantes que esconde esa esfera achatada que se ve coma un punto azul dende o espazo. E a pesar de que a curiosidade e o talento non entenden de xéneros, a historia oficial omitiu sen reparos as aportacións de excelentes mulleres que, non só se enfrontaron ó descoñecido, senón que tiveron que lidar con estereotipos e convencións sociais. Con XEAS: Mulleres que estudan a Terra viaxaremos no tempo para dar voz a 12 xeólogas de épocas, contextos históricos e nacionalidades diferentes, pero cun denominador común: deixaron unha pegada imborrable sobre os estratos do coñecemento. Doce mulleres que retaron á sociedade da súa época para avanzar no difícil e sacrificado camiño da Ciencia. Comezaremos esta travesía coas desventuras de Mary Anning nos albores do século XIX; seremos testemuñas de avances revolucionarios no XX e remataremos flotando no espazo da man de Kathryn Dwyer, xa no XXI. É unha realidade incontestable que fomos formados sen elas, que medramos sen os seus nomes e que enfrontamos as nosas carreiras científicas sen apenas referencias femininas. Chegou a hora de sacalas á luz, de sacudir o po dos libros e de encher as liñas que faltan cos seus logros, fazañas e descubrimentos.

Os perfís e especialidades recollidos en XEAS son moi variados, e non só fan eco dos méritos científicos. Algunhas das nosas protagonistas, como Chata Campa, Carmina Virgili ou Kathryn Dwyer, foron mulleres cunha gran conciencia social que deixaron unha pegada importante na política do seu tempo. Outras, como Florence Bascom ou Mary Leakey, concederon unha relevancia fundamental á transmisión do coñecemento ás xeracións futuras e, en particular, ás mulleres. Nívola Uyá conseguiu captar nas súas ilustracións a alma e a diversidade destas damas do martelo e o compás. As pioneiras aparecen ante os nosos ollos en plena actividade, auténticas, cheas de matices e rodeadas de multitude de detalles camuflados entre pinceladas terreais, mariñas e estelares. Para os nosos lectores non galego-falantes, a palabra XEAS pode parecer misteriosa ou sen significado. Nós usámola como símbolo para tódalas mulleres que se dedicaron a estudar a Terra. Vén do grego γαια, que foi romanizado como Gaia, e subsecuentemente evolucionou ó galego como Xea. Foi o nome para a deusa que personificou á Terra Nai, na mitoloxía grega. Ademais, en galego, nós nomeamos ás mulleres profesionais que se dedican á xeoloxía, abreviando XEólogAS, como XEAS. Seguramente, as científicas veteranas que recalen en XEAS veranse reflectidas en moitos lugares comúns descritos nas súas páxinas. Todas elas, coñecidas e anónimas, fixeron e seguen facendo posible a conquista imparable dos dereitos da muller na Ciencia. Ás mozas lectoras, que algún día continuarán esta cadea de transmisión, deixámoslles o acertado consello da xeóloga australiana Dorothy Hill: non hai que esperar que o mundo nos ofreza o que pensamos que nos merecemos . Rosa María Mateos y Ana Ruiz Constán

Rosa María Mateos Biografías de Florence Bascom, Marguerite Thomas Williams, Dorothy Hill, Mary Leakey, María Fernanda Campa Uranga e Kathryn Dwyer Sullivan. Ana Ruiz Constán Biografías de Mary Anning, Inge Lehmann, Mareta Nelle West, Marie Tharp, Carmina Virgili e Katia Kraft.

Mary Anning Vida insólita gravada en pedra A principios do século XIX, cando o coleccionismo de fósiles era un pasatempo e a Paleontoloxía non fora bautizada coma ciencia, unha muller solteira, sen educación e de clase baixa fixo achados que a introduciron nos debates da elite científica. Neses anos sentáronse as bases da Xeoloxía coa recentemente creada Sociedade Xeolóxica de Londres (1807), club selecto que nunca aceptou á Madre da Paleontoloxía nin a ningunha outra muller entre os seus membros ata 1919. Mary Anning naceu en 1799 en Lyme Regis, unha localidade costeira de Inglaterra que, 200 millóns de anos antes, ocupaba unha posición preto do ecuador baixo as augas dun mar tropical. As rochas dos cantís, entre as que María pasou a súa vida, eran ricas en fósiles do Xurásico que recollía o seu pai para complementar os ingresos familiares. A súa morte prematura, cando ela só tiña 11 anos, levou á familia a vender curiosidades (ammonites e belemnites) para sobrevivir. Dos 10 fillos do matrimonio, só ela e o seu irmán Joseph sobreviviron á infancia. A fortuna sorriulles cando Joseph atopou a caveira do que parecía ser un crocodilo. Despois dun ano de busca incansable, Mary conseguiu desenterrar o corpo da estraña criatura de máis de 5 metros de lonxitude, o primeiro ictiosauro. O réptil mariño chamou a atención dos círculos científicos de Londres e a reputación dos Anning medrou. Porén, os ingresos eran escasos e a profesión perigosa. Esixía camiñar baixo os cantís nos que se producían frecuentes caídas de rochas, e Joseph abandonou o oficio. En 1820, Mary atopou o esqueleto dun novo réptil mariño, un plesiosaurio. O seu pescozo extremadamente longo levantou as sospeitas do anatomista Georges Cuvier, que suxeriu que se trataba dunha falsificación. A polémica resolveuse, Cuvier rectificou e a tenda de Mary comezou a ser frecuentada por xeólogos e coleccionistas internacionais. Mary aprendeu dos fósiles de maneira autodidacta: copiaba artigos científicos, realizaba ilustracións, facía diseccións a peixes e chocos... Así a todo, os seus compañeiros atribuían os seus méritos a un favor divino, porque cun ano de idade era a milagreira supervivente do raio. Mary era consciente de que os Cabaleiros da Ciencia a utilizaban para gañar prestixio sen mencionala e esta situación non cambiou ata 1828, cando localizou o primeiro esqueleto de pterosaurio fóra de Alemaña e o xeólogo William Buckland deulle a autoría do achado. Anning faleceu de cancro a unha idade moi nova, ós 47 anos. Os seus achados demostraron que, en eras anteriores, a Terra estivo habitada por especies moi diferentes ás actuais, o que cuestionou as teorías creacionistas e creou as bases da Teoría da Evolución que Darwin formularía 50 anos despois. E aínda que a súa obra se realizaba á marxe das institucións, nelas quedou gravado o seu nome. Construíuse unha vidreira na igrexa de Lymes Regis “en conmemoración da súa capacidade para promover a ciencia da Xeoloxía” e a Sociedade Xeolóxica de Londres publicou un panexírico, o primeiro dedicado a unha muller e o único a alguén que non pertencera a ela. A humilde Mary Anning conseguira pasar á Historia. “O mundo usoume con tan pouca consideración que me fixo sospeitar de calquera persoa” 15

Florence Bascom A xeóloga que nos abriu o camiño A pesar do seu fráxil aspecto de musa do Romanticismo, Florence Bascom era unha muller moderna e singular, tanto que rompeu en mil anacos o teito de cristal das sociedades científicas americanas para abrirnos unha fiestra a tódalas xeólogas que chegamos detrás. Non en van era filla dunha sufraxista, mestra vocacional, que deu a luz a Florence na verde localidade de Williamstown (Massachusetts), o 14 de xullo de 1862. De pequena, Florence mostrou grandes dotes para o estudo e a observación, xa que así como unha curiosidade innata pola Natureza. Con 25 anos, graduouse en Artes e Letras, en Ciencias, e tiña un Máster en Xeoloxía pola Universidade de Wisconsin. Todo elo sorteando numerosas dificultades, xa que se prohibía o acceso á biblioteca e a determinadas clases reservadas exclusivamente para os homes. Florence Bascom apaixonouse tanto polas Ciencias da Terra que quixo dar un paso máis. Obtivo o seu doutoramento en Xeoloxía en 1893 na Universidade Johns Hopkin, recibindo as clases detrás dunha pantalla para non distraer ós seus compañeiros. A súa tese non foi banal, xa que botou por terra numerosos estudos previos. Florence non só puxo en marcha novas técnicas para o estudo das rochas (Petrografía) senón que tamén reclasificou un bo puñado de rochas e minerais que non eran o que parecían. A presentación da tese de Florence foi tan brillante que foi elixida inmediatamente para a Geological Society of America ; a segunda muller en conseguilo. Pero aínda tería que romper novas barreiras. Os seus importantes avances no campo da cristalografía, mineraloxía e petrografía chamaron a atención do Servicio Xeolóxico Americano (USGS) que, por primeira vez na súa historia, fichou unha muller. A señorita Bascom arremangouse as saias para estudar os afloramentos dos Apalaches, a costa atlántica de América e os curiosos depósitos hidrotermais de Yellowstone, liderando equipos de investigación de vangarda. Tal foi a súa actividade científica que a American Men of Science nomeouna xeóloga de catro estrelas en 1906. Pero o máis importante a destacar de Florence foi o seu madriñado, o seu empeño coa formación de futuras xeólogas e a difusión das primeiras sementes da que sería unha brillante xeración de mulleres por todo o campo americano. Nos albores do século XX, Florence Bascom iniciou esa cadea de transmisión que se ensambla elo tras elo, coa experiencia das pioneiras e o ilusión das principiantes. O seu nome permanece para a posteridade nun fermoso cráter de Venus, nun asteroide que orbita polo Sistema Solar e nas augas xélidas dun lago glaciar de Wisconsin “Estou tremendamente orgullosa de que algúns dos mellores traballos en xeoloxía o fixeran as miñas alumnas, mulleres novas e notables.”. 16

Inge Lehmann O latexo do sólido corazón da Terra A invención do sismógrafo moderno, en 1880, provocou que as especulacións sobre o interior da Terra caeran como un castelo de naipes. Nesa mesma década, na que a ciencia aínda era un territorio hostil para as mulleres, naceu a científica que resolvería a última gran incógnita: a estrutura do núcleo terrestre. En 1888, unha familia relevante de Copenhague recibiu a que, aínda sen sabelo, sería o seumembromáis ilustre: Inge Lehmann. A nena foi educada no ambiente igualitario dunha escola mixta e progresista. Este ambiente, pouco habitual para a época, empuxou a Inge a desenvolverse plenamente, pero non puido evitar que se enfrontase á realidade anos despois. Estudou matemáticas nas universidades de Copenhague e Cambridge. Despois de licenciarse, comezou a traballar nunha oficina de seguros ata que, en 1925, foi contratada para instalar os primeiros observatorios sismolóxicos en Dinamarca e Groenlandia. Deste xeito fortuíto, especializouse en sismoloxía nun país practicamente asísmico pero, como saberá máis tarde, cunha localización idónea para rexistrar terremotos que se producían en zonas xeolóxicamente activas e afastadas da Terra, como o Pacífico Sur. En 1927 realiza estancias en centros de investigación de Alemaña, Francia, Países Baixos e Bélxica que lle permiten contactar con grandes especialistas da época, como Beno Gutenberg. Despois do seu periplo europeo, Inge é nomeada primeira xefa do departamento de sismoloxía do “Real Instituto Xeodésico Danés”. Encargouse do mantemento e reparación dos equipos, así como da interpretación dos sismogramas e da publicación dos boletíns de datos. Traballaba practicamente soa, o que lle deu un coñecemento inigualable dos patróns que as ondas sísmicas trazaban ó atravesar a Terra. Aínda que a realización de traballos científicos non era unha das súas funcións, a Inge intrigáballe o feito de que as ondas P non se comportasen segundo a estrutura coñecida nese momento. Comezou a sospeitar que outra cousa se agochaba no núcleo líquido da Terra ó observar os diferentes patróns de desviación e cambio de velocidade que experimentaban as ondas que conseguían atravesalo. En 1929, un gran terremoto sacudiu Nova Zelanda e proporcionoulle a clave do problema. Despois de anos de minuciosa análise, en 1936 publicou un artigo cuxo breve título (P’) non permitía intuír a revolución que produciría. Nela, Inge describe unha nova descontinuidade sísmica na estrutura da Terra, unha nova fronteira que separaba o xa coñecido núcleo externo líquido dun núcleo interno sólido descoñecido. Despois deste gran logro, Inge continuou a súa investigación e converteuse nunha das principais expertas mundiais sobre o manto terrestre. Respectada internacionalmente, en 1953 xubilouse do seu posto no observatorio e dedicouse a viaxar polo mundo para colaborar alí onde a reclamaran. Foi a primeira muller en recibir a Medalla William Bowie, o máximo galardón en xeofísica, por ser “a mestra dunha arte negra da que un ordenador nunca pode substituír”; unha frase case esotérica que reflectía a análise minuciosa e os medios rudimentarios cos que Inge respondeu ás grandes preguntas científicas dunha era pre-dixital. Morreu en 1993, ós 104 anos, na asísmica Dinamarca. “Nunca percibín diferenzas entre o intelecto de nenos e nenas, o que me provocou certa decepción cando comprobei que esta non era a actitude xeral” 19

Marguerite Thomas Williams She had a dream As beiras do río Anacostia foron lugar de asentamento de numerosas tribos de indios nativos norteamericanos. O río flúe con preguiza atravesando a cidade de Washington, para verter as súas augas no río Potomac, deixándolle tamén como ofrenda unha gran carga de sedimentos. A dinámica fluvial da pequena conca hidrolóxica do Anacostia foi obxecto da tese doutoral dunha muller singular: Marguerite Thomas Williams, a primeira persoa afroamericana que conseguiu un doutoramento en Xeoloxía. Era o ano 1942, en plena Guerra Mundial, cando os dereitos da poboación negra de EEUU aínda non estaban en papel. Faltaban aínda 13 anos para que outra muller de cor, Rosa Parks, se negase a ceder o seu asento do autobús a un home branco e acendese a chispa do gran movemento polos dereitos civís dos cidadáns afroamericanos. Marguerite Thomas naceu o día de Noiteboa de 1895 en Washington D. C. Filla de Henry e Clara Thomas, foi a menor dunha numerosa familia de seis irmáns. Asistiu á Escola Normal para Nenas de Cor e conseguiu unha bolsa da Universidade de Howard para facerse mestra, obxectivo que alcanzou en 1916. Pero os seus intereses estaban máis aló das xanelas da aula; a súa mente voaba atravesando ríos, montañas, lagos e bosques, porque a verdadeira paixón da moza Marguerite era a Natureza. Desta forma, compaxinou o maxisterio na escola elemental con estudos superiores en Ciencias Naturais, terminando a súa licenciatura na especialidade de Xeoloxía no ano 1923. O profesor e biólogo afroamericano Ernest Everett foi determinante na súa carreira. Tomou a decisión de apadriñar e dirixir a carreira científica de dúas raparigas de cor: Roger Arliner (primeira doutora afroamericana en zooloxía) e Marguerite Thomas. O Dr. Everett faría constar a alta cualificación académica de Marguerite, a súa agudeza para a ciencia e o sentido crítico das súas reflexións. Desta forma, Marguerite conseguiu unha praza permanente no Miner Teacher’s College, o principal centro universitario de formación do profesorado negro que moitos anos despois sería absorbido pola Universidade do Distrito de Columbia. Alí liderou durante unha década o Departamento de Xeoloxía, e impartiu clases a mozos universitarios segregados pola cor da pel. Na disertación da súa tese sobre o río Anacostia, Marguerite Thomas apuntou que a virulencia do río, reflectida en tráxicas inundacións, estaba ligada á transformación humana da súa conca de drenaxe: deforestación, agricultura intensiva, urbanización, etc. Marguerite non só foi unha visionaria sobre a relevancia da actividade humana como axente xeomorfolóxico, senón que espertou unha nova forma de entender os procesos xeolóxicos. 60 anos despois daquela tese, en pleno século XXI, a comunidade científica vese na tesitura de formular un novo período xeolóxico: o Antropoceno, a Idade dos Humanos. Mentres os grandes escaladores do mundo coroaban cimas xamais pisadas, como a do Everest, unha muller negra chegou co seu esforzo e perseveranza a un cume aínda máis difícil: a que rompe prexuízos, desigualdades e racismo. Ser muller, negra e xeóloga era unha tremenda audacia naqueles tempos de posguerra 20

Dorothy Hill A Amazona dos Mares de Coral Son poucas as xeólogas da historia da Ciencia que atesouren tantas distincións e homenaxes como a australiana Dorothy Hill, recoñecida mundialmente como unha autoridade en Paleontoloxía. A súa investigación centrouse nos restos fósiles de pequenos invertebrados que viven formando grandes colonias en mares tropicais e subtropicais, e que hoxe representan un dos ecosistemas máis ameazados da Terra: os corais. Dorothy Hill naceu o 10 de setembro de 1907 en Brisbane, unha cidade cosmopolita bañada polas claras augas do Mar de Coral. Era a terceira de sete irmáns e creceu nunha familia modesta sen relación algunha coa Ciencia. Segundo os recordos familiares, Dorothy tiña unha mente moi esperta e comezou a sobresaír nos estudos dende pequena. A súa vida escolar resúmese nunha sucesión de bolsas de estudios e logros que lle permiten ingresar (con 17 anos) na Facultade de Ciencias da Universidade de Queensland. Alí a súa primixenia vocación pola Química dá un xiro. Grazas á influencia do profesor H.C. Richards, un entusiasta xeólogo moi apreciado polos estudantes, Dorothy acaba licenciándose en Xeoloxía en 1928. E fíxoo ó grande: cunha medalla de ouro ao mérito excepcional. A moza Hill non só destacou nos estudos, tamén o fixo nos deportes. Practicou o atletismo, a natación, o remo… E destacou no equipo feminino de hóckey da Universidade. Pero se hai unha imaxe simbólica de Dorothy Hill é a de amazona, xa que gran parte do seu traballo de campo realizouno a lombos de cabalo. Desta guisa abordou a súa primeira investigación, cabalgando polos mares fósiles do oeste australiano en busca dos afloramentos de corais carboníferos. Dorothy Hill marchouse a Inglaterra en 1931 tras conseguir unha bolsa pola Universidade de Cambridge para realizar o doutoramento. A moza australiana atopou o camiño para relacionarse cos grandes paleontólogos británicos da época. Conseguiu unha sólida formación na súa temática, a paleontoloxía de invertebrados mariños, e asumiu unha rigorosa forma de abordar o traballo científico que aplicou o resto da súa vida. En paralelo, a vea aventureira de Dorothy disparouse pola verde campiña inglesa: conseguiu unha licenza para pilotar avionetas e participou en carreiras de coches como avezada condutora. Permaneceu en Inglaterra ata 1937, aceptando o reclamo do seu querido profesor, o Dr. Richards, para regresar á súa universidade de orixe. E aquí comeza unha carreira científica sen parangón, non só como investigadora na Universidade de Queensland, senón como consultora para a industria do petróleo grazas ós seus avanzados coñecementos en estratigrafía. A súa frutífera traxectoria viuse unicamente interrompida durante a Segunda Guerra Mundial, cando Dorothy se alista no Servizo Naval Australiano para dirixir un equipo de descifrado e codificación de mensaxes. De novo, a intrépida Hill. Esta gran amazona da xeoloxía deixou un enorme legado de artigos científicos e publicacións, así como un ronsel de primicias: foi a primeira profesora dunha universidade australiana (1959) e a primeira muller presidenta da Academia Australiana das Ciencias (1970). Morreu en Brisbane o 23 abril de 1997 “Non hai que esperar a que o mundo nos ofreza o que cremos que merecemos”. 23

Mary Leakey O Sol ten o tamaño dun pé humano (Heráclito) En 1871, Charles Darwin escribiu a seguinte frase premonitoria: é moi probable que os nosos primeiros proxenitores vivisen no continente africano . Hoxe sabemos que as terras baixas da rexión de Afar, nas negritudes do África oriental, foron o noso berce. Aínda conservamos no organismo os átomos de xofre dos volcáns do Rift e as moléculas de auga do Nilo Azul. Os primeiros indicios deste pasado africano desvelounos unha alegre e coqueta paleoantropóloga chamada Mary Leakey, un século despois da publicación da Orixe das Especies. Mary Leakey naceu en Londres o 6 de febreiro de 1913 no seo dunha familia nómade e cosmopolita. O seu pai foi un coñecido pintor de acuarela que viaxaba continuamente polo mundo en busca de paisaxes. Mary tiña once anos cando visitou a famosa cova de Cro-Magnon, que espertou na nena un gran interese pola antropoloxía e a Prehistoria. Tras morrer o seu pai en 1926, Mary regresou a Londres para comezar unha escolarización tradicional que, inevitablemente, foi un rotundo fracaso. Esta muller, que na súa vellez chegou a atesourar nove doutorados Honoris Causa , apenas tivo formación académica; tan só asistiu a uns cursos de xeoloxía e arqueoloxía que lle permitiron abrirse camiño no universo das expedicións científicas da época. Curiosamente, os dotes de Mary para o debuxo, herdadas do seu pai, abríronlle as portas. Foi outra muller, a Dra. Gertrude Caton, quen lle propuxo ilustrar un dos seus traballos sobre unha área fosilífera situada ó norte de Exipto. E así foi como a moza Mary quedou definitivamente atrapada polo indómito continente africano. Alí atopou tamén ao seu gran amor, Louis Leakey, o fillo duns misioneiros establecidos en Kenya que xa destacaba polos seus traballos paleontolóxicos. Casaron en 1936, formalizando unha parella que escribiu as páxinas máis brillantes da Ciencia sobre a evolución humana. A mañá do 17 de xullo de 1959, na Garganta de Olduvai (Tanzania), Mary identificou entre os sedimentos os magníficos restos dun humano fósil. Este raparigo, moi destro na fabricación de aparellos, tiña a friorenta idade de 1,75 millóns de anos. O Homo Habilis mostrouse ó mundo cun gran despregamento mediático, comezando así unha repartición de papeis á vella usanza. Mentres Mary quedaba a cargo do xacemento, traballando dunha maneira constante, discreta e rigorosa, Louis dedicouse a viaxar polo mundo como a estrela científica do momento. Os Leakey conseguiron seducir á National Geographic Society , que se converteu en mecenas das escavacións africanas. En 1972, tras a morte de Louis, Mary quedou definitivamente ó mando da investigación. Esta etapa destaca pola súa enorme produción científica, polo seu interese na formación de expertos locais, e por asentar as bases dunha metodoloxía de traballo de campo que seguiron as xeracións posteriores. Rozando a vellez (1978) chegoulle o gran achado da súa carreira: as primeiras pisadas humanas; o rastro do mono curioso que se baixou da árbore para camiñar ergueito sobre a Terra. As pegadas de Laetoli estaban impresas sobre as cinzas volcánicas do Ngorongoro (Tanzania). O Australopithecus afarensis , o noso antepasado remoto, fixo de Mary Leakey unha lenda universal. As cinzas de Marie Leakey durmen espalladas sobre as ardentes terras de Olduvai, ó arrolo dos nosos devanceiros. 24

Mareta Nelle West A Lúa ós nosos pés Cantas veces non se pronunciou a frase se mo pides báixoche a Lúa?MaretaWest non baixou o satélite terrestre pero estudouno e seleccionou o lugar onde pousaría os seus pés o primeiro astronauta que aluou en 1969. Sen dúbida o seu traballo foi un pequeno paso para as xeólogas, pero un gran salto para a humanidade. A súa historia comezou 57 anos antes, no estado de Oklahoma (EEUU), onde naceu en 1915 no seo dunha familia de pioneiros estadounidenses. Varias décadas antes, os seus avós emigraran ó oeste para asentarse en territorio indio, como parte da repoboación de terras levada a cabo polo Estado tras o desprazamento dos indíxenas americanos. Mareta criouse nas cidades de Tulsa e Oklahoma City e, á idade de 22 anos, licenciouse en xeoloxía na Universidade de Oklahoma onde foi membro da sororidade Kappa Kappa Gamma. Foi pioneira non só por tradición familiar senón tamén polo seu empeño persoal. Nos inicios da súa carreira, nos anos 40, Mareta traballou máis dunha década como xeóloga petroleira na emerxente industria do petróleo e do gas. Foi a primeira xeóloga consultora de Oklahoma antes de converterse na primeira xeóloga contratada polo Servizo Xeolóxico de Estados Unidos en Arizona, en 1964. Dous anos antes, en plena Guerra Fría coa antiga Unión Soviética, o presidente John F. Kennedy pronunciara o discurso que daría o disparo de saída á carreira estadounidense cara á Lúa, cuxa superficie e xeoloxía era aínda unha grande incógnita. O desafío de EEUU á URSS, que ata entón demostrara a súa supremacía espacial, convertería a Mareta West na primeira astroxeóloga. Foi a única muller no Equipo Experimental de Xeoloxía da NASA que preparou a primeira aterraxe luar tripulado, a misión Apolo 11. Participou na elaboración dos mapas que se utilizaron para o adestramento dos astronautas e foi a responsable de cartografar e sinalar o punto máis idóneo (ó sur do Mar da Tranquilidade) onde aluaría o fráxil módulo de aterraxe Eagle, no que viaxaban Amstrong e Aldrin en xullo de 1969. Mareta defendeu sen reservas a investigación espacial como unha vía para “ descifrar gran parte do que permanece descoñecido sobre o noso propio planeta ”. Tras o regreso do Apolo 11, dedicouse ó estudo da información, mostras de rocas e fotografías que os astronautas recompilaron e seguiu involucrada, ata a súa xubilación, na avaliación e selección de lugares de aterraxe para as seguintes misións á Lúa e Marte. Morreu en 1998, case 30 anos despois daquel gran desafío científico e tecnolóxico. Tras a súa morte as súas cinzas viaxaron ao espazo, ese lugar co que tanto soñou. “Estudar xeoloxía ofrece unha excelente perspectiva e axuda a comprender que unha vida é apenas un momento da historia do noso planeta.” 27

Marie Tharp Luz e taquígrafos para o fondo oceánico Hai momentos na Historia nos que persoas con ideas aparentemente desatinadas rompen os esquemas establecidos ata o momento e ofrécennos unha nova forma de mirar e entender o mundo. Marie Tharp fixo fronte a prexuízos e desprezos para poñer luz e cor ao 70% do noso planeta, descubríndonos os misterios que permanecían ocultos baixa a auga dos océanos. Naceu en Michigan (EEUU) en 1920, nunha familia que axuntaba o amor polas ciencias e polas letras. Quixo estudar literatura, pero só admitían homes, así que se graduou en inglés e música. Era consciente do futuro que lle esperaba sendo muller: mestra, secretaria ou enfermeira; e elixiu a primeira opción. Con todo, en 1943, inmersos na II Guerra Mundial tras o ataque a Pearl Harbor, a escaseza de homes favoreceu a apertura de novos campos profesionais. Marie inscribiuse entón nun máster sobre xeoloxía do petróleo e traballou algúns anos na industria como unha das primeiras Petroleum Geology Girls . En 1948, deixou o seu posto na petroleira e probou sorte en Nova York. A pesar dos seus másteres en Xeoloxía e Matemáticas, só puido optar a un posto de delineante na Universidade de Columbia. Neses anos de Guerra Fría, o goberno de EEUU inxectou grandes cantidades de diñeiro para o estudo dos océanos e Marie dedicouse, xunto ó xeólogo Bruce Heezen, a localizar avións militares afundidos. Máis tarde, comezaron a cartografar o fondo do Atlántico Norte nunha colaboración que durou 25 anos. Bruce adquiría os datos a bordo do barco e Marie interpretábaos en terra, xa que as mulleres tiñan prohibido embarcar. En 1953, mentres debuxaba, descubriu que no medio da dorsal Atlántica había unha gran greta (rift) que, polos seus cálculos, debía ser enorme. Consciente de que o descubrimento era revolucionario, comprobou varias veces os seus resultados. O seu compañeiro Bruce desprezou inicialmente o achado cualificándoo de “charla de mozas” e houbo de pasar un ano de sonoras discusións e novas evidencias para que dese o seu brazo para torcer e recoñecese que a “moza” tiña razón. O descubrimento non era insignificante, debido a que descartaba a hipótese imperante da Expansión Terrestre e daba credibilidade a unha teoría ata entón desprezada, deriva Continental . Ao mapa do Atlántico Norte seguíronlle o do Atlántico Sur, o do Índico, o do Antártico e, finalmente, o da totalidade do fondo oceánico en 1977. Os océanos nunca volverían ser unha mancha azul uniforme e monótona. Os seus mapas revolucionaron o pensamento xeolóxico e deron luz á teoría da Tectónica de Placas. Con todo, a súa contribución foi silenciada e a comunidade científica non recoñeceu os seus achados ata a década dos 90. A pesar disto, Marie nunca se abandonou ao desánimo nin ao resentimento porque tiña ante si un reto emocionante: “ un lenzo branco que encher con extraordinarias posibilidades, un crebacabezas fascinante que armar. Iso ocorrería só unha vez na vida, unha vez na historia do mundo. Fose unha oportunidade para calquera persoa, pero especialmente para unha muller da década de 1940 ”. E soubo aproveitar a oportunidade con fartura. “Deixeilles discutir e dediqueime a facer mapas. Confirmei o vello dito de que unha imaxe vale máis que mil palabras” 28

Carmina Virgili i Rodon Un camiño firme cara á democracia Alteracións bruscas ou prolongadas do clima foron o detonante de 5 extincións masivas ó longo da historia da Terra. Carmina Virgili apaixonouse pola maior delas, a do Pérmico-Triásico, que provocou a desaparición do 96% das especies fai uns 250 millóns de anos. O que quizais non imaxinaba, estudando as rochas daquela época, é que ela mesma sería motor de importantes cambios na nosa historia recente. Carmina naceu en 1927 nunha familia acomodada de Barcelona. Os seus pais preocupáronse de que recibise educación universitaria cando aínda non era común. Cursou maxisterio e máis tarde licenciouse e doutorouse (1956) en Ciencias Naturais pola Universidade de Barcelona, onde exerceu como profesora. Coa súa nai, farmacéutica, forxou unha relación estreita tras compartir innumerables xornadas de campo, recollendo plantas primeiro e facendo observacións xeolóxicas despois. Nunha das súas saídas, un paisano que viu á rapariga polo monte achegouse e deulles os datos dunha costureira que lle proporcionaría un traballo co que deixar de facer cousas que non eran de señorita . Quizais fose a primeira vez, aínda que non a última, que Carmina tivo que enfrontarse aos prexuízos de ser muller nun ambiente de homes. En 1963, converteuse na primeira catedrática da Universidade de Oviedo e na terceira de España. A súa presenza insólita e exótica non foi ben acollida nuns claustros universitarios aínda reticentes á entrada de mulleres. Estas dificultades non conseguiron limitala e desenvolveu o seu liderado mesmo nun contexto adverso. En 1968, trasládase á Universidade Complutense de Madrid onde continúa investigando e dando clase ata que é nomeada Decana da Facultade de Ciencias Xeolóxicas, a primeira dunha facultade española. Especializouse na estratigrafía do Triásico e do Pérmico, unha época convulsa e de grandes cambios, como o momento político que lle tocou vivir. Nos últimos anos de ditadura, Carmina formou parte da organización socialista clandestina e implicouse nos cambios que se estaban producindo na universidade. En 1982, ocupou a Secretaría de Estado de Universidade e Investigación do primeiro goberno de Felipe González e redactou a Lei de Reforma Universitaria e a Lei da Ciencia. Estas leis foron o revulsivo para que a obsoleta universidade franquista se convertera nunha universidade máis democrática, comprometida coa investigación e aberta á sociedade. Dimitiu en 1985 debido aos problemas de saúde da súa nai. Algúns anos despois dirixiu o Colexio de España en París, onde realizou unha incansable labor de difusión cultural e, en 1996, retomou a súa actividade política como senadora. A súa valía humana e científica permitiulle superar multitude de prexuízos de xénero, converténdose nun referente ao alcanzar importantes fitos vetados ás mulleres. A súa paixón pola xeoloxía e a súa loita pola democracia e as liberdades valéronlle innumerables premios e recoñecementos de diferentes universidades e dos gobernos de Francia e España. Faleceu en 2014 e coa doazón do seu corpo á ciencia perpetuou, máis aló da morte, o seu compromiso coa investigación. “Quedo coa pequena satisfacción de pensar que contribuín a facer os primeiros zapatos cos que a nosa universidade comezou o camiño cara á súa autonomía.” 31

María Fernanda Campa Uranga, la Chata Xeoloxía e Revolución Hai países onde a xeoloxía está a flor de pel, e México é un deles. Bañado por dous grandes océanos, México recibe os desvaríos de cinco placas tectónicas que tinguen a súa paisaxe de volcáns, como o colosal Popocatépetl, e onde os grandes terremotos marcaron a súa historia pasada e recente. Neste revolucionario contexto só podía xurdir unha muller como a Chata Campa. María Fernanda Campa Uranga nace en Ciudad de México o 22 de marzo de 1940, no seo dunha familia de esquerda militante e combativa. O seu pai, Valentín Campa, foi líder sindical do ferrocarril, e pasou a metade da súa vida no cárcere. A súa nai, Consolo Uranga ( a Roja ), foi incansable na loita polos dereitos da muller e tenaz defensora dos traballadores. Tamén era unha muller moi culta, que sostiña á familia coas súas traducións do francés e inglés, ademais de dirixir varios xornais na clandestinidade. Entre libros, militancia e referentes femininos, foise forxando a axitada personalidade da Chata Campa. Con apenas 17 anos, María Fernanda ingresa no Partido Comunista Mexicano, iniciando así unha militancia activa como líder estudantil que lle permitiu coñecer ao mesmo Che Guevara en Serra Mestra. Durante a revolta dos estudantes de 1968, tivo a desgraza de vivir en primeira persoa a Matanza de Tlatelolco, un xenocidio que marcou a historia mexicana do século XX e que deixou sobre a Praza das Tres Culturas un regueiro de varios centenares de mortos. Tras unha escolarización brillante, a Chata cursou os estudos de enxeñería xeolóxica no Instituto Politécnico Nacional, sendo a primeira muller do país con este título debaixo do brazo. Como xeóloga, tamén revolucionou o panorama. Participou na fundación do Instituto Mexicano do Petróleo e na creación do Grupo de Enxeñeiros Constitución do 17, cuxo obxectivo era defender o carácter público e inalienable das riquezas do subsolo. Traballou durante anos na exploración de xacementos para Pemex (Petróleos Mexicanos), onde realizou o seu doutoramento en 1977. Foi entón cando a Chata deu o paso á docencia, fundando a Escola de Ciencias da Terra na Universidade de Txaco, para terminar como profesora na Universidade Autónoma da Cidade de México. A súa marca profesional foi a perseveranza e a xenerosidade. Durante o terremoto de 2017, xa anciá, liderou a un grupo de investigadoras para cartografar os efectos da sacudida sísmica en Cidade de México. En xaneiro de 2019, aos 78 anos de idade, morreu a Chata Campa. A Cámara dos Deputados de México gardou un minuto de silencio na súa memoria. Marchouse unha muller loitadora, reivindicativa, que deu un sentido ideolóxico á profesión. A súa grande amiga, a escritora Elena Poniatowska, dedicoulle esta frase: ti levantas remuíños ó teu paso . “Xeoloxía e Revolución” foron as dúas paixóns desta xeóloga miudiña, de nariz esmagado, á que lle gustaba moito ler e platicar nos cafés de sobremesa; trasegar pola vida con esa cadencia propia dos trópicos, ao abrigo tamén das turbulencias da Terra. “Só lendo, estudando e cuestionando podemos saír da ignorancia. A nosa sacudida pasa pola cultura” 32

Katia Krafft Vida (e morte) á beira do volcán A maxestosidade dos volcáns cativou a todas as culturas desde tempos inmemoriais. Non en balde, protagonizaron multitude de mitos e lendas que pretendían dar algún sentido á súa pavorosa e letal beleza. Katia Krafft non foi inmune a esa atracción e a súa ousadía ó achegarse a eles proporcionounos un legado científico inigualable. Katia Conrad naceu na rexión francesa de Alsacia en 1942. Durante a súa adolescencia devoraba todo o que caese nas súas mans sobre volcáns. Os seus pais, unha mestra e un obreiro sen relación algunha coa xeoloxía, levárona de viaxe a Sicilia para que saciase a súa sede destes grandes colosos vendo o Etna, o Estrómboli e o Vulcano. Estudou na Universidade de Estrasburgo, onde se especializou en física e xeoquímica. Curiosa e metódica, o seu primeiro traballo científico brindoulle recoñecemento como nova promesa da vulcanoloxía. Neses anos coñeceu a quen sería o seu marido e compañeiro, Maurice Krafft; un xeólogo que, como ela, crecera soñando con volcáns. A partir de aquí, as súas traxectorias persoal e profesional fanse indisolubles. Katia e Maurice dedicaron a súa vida para viaxar a calquera lugar do mundo ante o mínimo indicio de erupción inminente. Cámara en ristre, foron pioneiros en fotografar e filmar volcáns a pouca distancia da lava. Eran conscientes de que a súa paixón polos volcáns eclipsaba por completo a súa percepción do perigo. Coma se fosen atraídos por enfeitizados cantos de sereas, achegábanse sen reservas a un perigo do que calquera fuxiría sen dubidar. Ás veces, dicían, non podían gravar e todo o que facían era quedar quietos, hipnotizados pola calor e a lava que desprendían. Tachados de extravagantes nos seus inicios, erupción tras erupción, as súas reportaxes comezaron a espertar maior interese entre a comunidade científica, público e autoridades. A pesar de que as mostras de gases e rochas que tomaban permitiron desenvolver investigacións relevantes, foi a divulgación dese coñecemento o que fixo aos Demos do volcán cada vez máis recoñecidos. Nos últimos anos, traballaron no deseño de campañas de información sobre o risco volcánico e no desenvolvemento de dispositivos de alarma e auxilio. O seu documental sobre as devastadoras consecuencias da erupción do Nevado do Ruiz (Colombia, 1985) serviu para convencer ás autoridades Filipinas, en 1991, de que a evacuación da poboación era necesaria ante a inminente erupción do Pinatubo, salvando miles de vidas. Ese mesmo ano espertou o Monte Unzen tras máis de dous séculos de letargo. Como era habitual, Katia e Maurice deixárono todo para viaxar a Xapón e filmar a que cualificarían como “ a erupción máis perigosa que viran na súa vida ”, e xa foran testemuñas de máis de 150 nos seus 25 anos de carreira. A pesar da súa experiencia e precaucións, non puideron evitar que unha nube ardente de gases, rochas e cinzas os envolvese en cuestión de segundos. Faleceron xunto a outro vulcanólogo e corenta xornalistas que cubrían a noticia da erupción. Aínda que ante os nosos ollos o seu final poida parecer tráxico, os Krafft morreron como elixiron vivir: xuntos e “ preto dun cráter, sentindo a súa calor na cara ”. “Non é que coquetee coa morte, a estas alturas non me importa, está o pracer de achegarse á besta pese ó risco de que che poda atrapar” 35

Kathryn Dwyer Sullivan A nosa EVA espacial « Pelo castaño, ollos verdes, 1,67 m de altura e 68 kg de peso », así describe a ficha oficial da NASA á primeira muller da historia que camiñou polo espazo. Kathryn Dwyer Sullivan naceu o 3 de outubro de 1951 en Paterson (Nova Jersey). O seu pai, enxeñeiro aeroespacial, transmitiu á súa filla o entusiasmo por todo o relacionado co Cosmos. Pero a moza Kathryn decidiu poñer os pés na Terra e estudar Xeoloxía na Universidade de California, licenciándose con honras en 1973. Cinco anos máis tarde, nas frías e fermosas terras de Nova Escocia (Canadá), conseguiu o seu doutoramento pola Universidade de Dalhousie. Durante os seus estudos en Canadá, Sullivan participou activamente nunha serie de expedicións oceanográficas sobre a dorsal Atlántica e o Océano Pacífico. No verán de 1979, a Dra. Sullivan deu un xiro copernicano á súa carreira, cambiando as turbulentas augas mariñas polo atronador silencio espacial. Tarde ou cedo, un regresa á infancia. Xa convertida nunha avantaxada astronauta da NASA, embarcouse no Transbordador Espacial Challenger para vivir a súa primeira misión espacial. Con 33 anos recentemente cumpridos, o 11 de outubro de 1984, Kathryn Dwyer Sullivan fixo historia: foi a primeira muller en realizar unha EVA (Actividade Extra-Vehicular). Xunto ó seu compañeiro, David Leetsma, camiñaron durante tres horas e media polo ingrávido espazo para mostrar ao mundo que o Challenger podía recargar en órbita. Kathryn Sullivan protagonizou dous voos espaciais máis. En abril de 1990, no Transbordador Espacial Discovery, contribuíu ao despregamento do telescopio Hubble, o ollo humano máis aló da atmosfera terrestre. Dous anos máis tarde, en abril de 1992, Sullivan foi nomeada comandante do Laboratorio Atmosférico de Aplicacións e Ciencias, situado no módulo de carga do Transbordador Espacial Atlantis. Desde alí dirixiu 12 experimentos científicos para escudriñar a atmosfera da Terra. Tras contar no seu haber con 532 horas no espazo, Kathryn Sullivan abandona definitivamente a Nasa en 1993 para ocupar cargos de relevancia en diferentes institucións científicas. No ano 2011, o senado dos Estados Unidos ratifica -por unanimidade- a proposta do presidente Barack Obama de nomear á Dra. Sullivan co cargo de Subsecretaria de Comercio para a Observación e Predición Ambiental, así como Administradora Adxunta da Administración Nacional Oceánica e Atmosférica (NOAA). A xeóloga consegue axuntar Terra, Mar e Aire baixo a á dunha gran responsabilidade política. No ano 2017, cesa dos cargos públicos e permítese unha vida dedicada á divulgación científica. Pero aínda quedaba unha fazaña máis para sorprender ó mundo. En xuño de 2020, 36 anos despois da camiñada espacial, Sullivan convértese na primeira muller en chegar ó Challenger Deep, o punto máis profundo da Terra, situado a case 11,000 m de profundidade no Pacífico Sur. Kathryn D. Sullivan levou unha vida de altibaixos, no sentido máis literal da palabra. É o que ten ser unha muller de altos voos e fonda sabedoría. O ruído dos seus pasos polo espazo seguirá deambulando polos confíns do Universo. 36

“Non hai que esperar a qu que cremos que merecemo orgullosa de que algúns d xeoloxía o fixeran as miñas notables.”. “Nunca percibín d de nenos e nenas, o que me cando comprobei que esta n

que o mundo nos ofreza o mos”. “Estou tremendamente dos mellores traballos en s alumnas, mulleres novas e n diferenzas entre o intelecto me provocou certa decepción non era a actitude xeral”.

bolígrafos e pincel

Rosa María Mateos É xeóloga e escritora. Na súa profesión, Rosa ten que facer fronte ás montañas que se caen e outros delirios da codia terrestre. Como escritora, é unha contacontos empedernida, aínda que ultimamente se pasou ó rollo das novelas cortas. O blog www.laletradelaciencia.es reflicte a súa faceta literaria. No universo da divulgación científica, a Mateillos dáo todo e moito máis. Ana Ruiz Constán É xeóloga. Curiosa e amante da natureza, o noso planeta pronto enganouna con reclamos de terremotos e volcáns. Agora radiografía o interior da Terra e analiza as súas cicatrices externas para achegarse un pouco máis á súa historia e ós seus segredos máis íntimos. Busca e captura calquera iniciativa que axude a mostrar a Xeoloxía como é, unha ciencia apaixonante e útil para a sociedade. Nívola Uyá É ilustradora e ambientóloga. Cambiou os informes por pinceis, e agora traslada o amor á Terra e á Natureza en libros, murais e materiais divulgativos. Coas súas cores visitou os afloramentos de estromatolitos en Mallorca, os baobabs de África occidental, o bosque húmido da Uasteca mexicana ou os altos cumios do Himalaia. Ten unha estrela, porque sempre se embarca en proxectos brillantes con persoas inspiradoras das que aprender, como aquí en XEAS. www.nivolauya.com 41

XEAS: Mulleres que estudan a Terra convídanos a percorrer as distintas disciplinas das Ciencias da Terra da man de doce mulleres valiosas e valentes. As súas vivencias e os seus desafíos son un fermoso e esclarecedor testemuño da evolución do papel da muller na Ciencia.

RkJQdWJsaXNoZXIy MTcxMDUyNQ==