XEAS Mulleres que estudan a Terra

Florence Bascom A xeóloga que nos abriu o camiño A pesar do seu fráxil aspecto de musa do Romanticismo, Florence Bascom era unha muller moderna e singular, tanto que rompeu en mil anacos o teito de cristal das sociedades científicas americanas para abrirnos unha fiestra a tódalas xeólogas que chegamos detrás. Non en van era filla dunha sufraxista, mestra vocacional, que deu a luz a Florence na verde localidade de Williamstown (Massachusetts), o 14 de xullo de 1862. De pequena, Florence mostrou grandes dotes para o estudo e a observación, xa que así como unha curiosidade innata pola Natureza. Con 25 anos, graduouse en Artes e Letras, en Ciencias, e tiña un Máster en Xeoloxía pola Universidade de Wisconsin. Todo elo sorteando numerosas dificultades, xa que se prohibía o acceso á biblioteca e a determinadas clases reservadas exclusivamente para os homes. Florence Bascom apaixonouse tanto polas Ciencias da Terra que quixo dar un paso máis. Obtivo o seu doutoramento en Xeoloxía en 1893 na Universidade Johns Hopkin, recibindo as clases detrás dunha pantalla para non distraer ós seus compañeiros. A súa tese non foi banal, xa que botou por terra numerosos estudos previos. Florence non só puxo en marcha novas técnicas para o estudo das rochas (Petrografía) senón que tamén reclasificou un bo puñado de rochas e minerais que non eran o que parecían. A presentación da tese de Florence foi tan brillante que foi elixida inmediatamente para a Geological Society of America ; a segunda muller en conseguilo. Pero aínda tería que romper novas barreiras. Os seus importantes avances no campo da cristalografía, mineraloxía e petrografía chamaron a atención do Servicio Xeolóxico Americano (USGS) que, por primeira vez na súa historia, fichou unha muller. A señorita Bascom arremangouse as saias para estudar os afloramentos dos Apalaches, a costa atlántica de América e os curiosos depósitos hidrotermais de Yellowstone, liderando equipos de investigación de vangarda. Tal foi a súa actividade científica que a American Men of Science nomeouna xeóloga de catro estrelas en 1906. Pero o máis importante a destacar de Florence foi o seu madriñado, o seu empeño coa formación de futuras xeólogas e a difusión das primeiras sementes da que sería unha brillante xeración de mulleres por todo o campo americano. Nos albores do século XX, Florence Bascom iniciou esa cadea de transmisión que se ensambla elo tras elo, coa experiencia das pioneiras e o ilusión das principiantes. O seu nome permanece para a posteridade nun fermoso cráter de Venus, nun asteroide que orbita polo Sistema Solar e nas augas xélidas dun lago glaciar de Wisconsin “Estou tremendamente orgullosa de que algúns dos mellores traballos en xeoloxía o fixeran as miñas alumnas, mulleres novas e notables.”. 16

RkJQdWJsaXNoZXIy MTcxMDUyNQ==