XEAS Mulleres que estudan a Terra

Mary Anning Vida insólita gravada en pedra A principios do século XIX, cando o coleccionismo de fósiles era un pasatempo e a Paleontoloxía non fora bautizada coma ciencia, unha muller solteira, sen educación e de clase baixa fixo achados que a introduciron nos debates da elite científica. Neses anos sentáronse as bases da Xeoloxía coa recentemente creada Sociedade Xeolóxica de Londres (1807), club selecto que nunca aceptou á Madre da Paleontoloxía nin a ningunha outra muller entre os seus membros ata 1919. Mary Anning naceu en 1799 en Lyme Regis, unha localidade costeira de Inglaterra que, 200 millóns de anos antes, ocupaba unha posición preto do ecuador baixo as augas dun mar tropical. As rochas dos cantís, entre as que María pasou a súa vida, eran ricas en fósiles do Xurásico que recollía o seu pai para complementar os ingresos familiares. A súa morte prematura, cando ela só tiña 11 anos, levou á familia a vender curiosidades (ammonites e belemnites) para sobrevivir. Dos 10 fillos do matrimonio, só ela e o seu irmán Joseph sobreviviron á infancia. A fortuna sorriulles cando Joseph atopou a caveira do que parecía ser un crocodilo. Despois dun ano de busca incansable, Mary conseguiu desenterrar o corpo da estraña criatura de máis de 5 metros de lonxitude, o primeiro ictiosauro. O réptil mariño chamou a atención dos círculos científicos de Londres e a reputación dos Anning medrou. Porén, os ingresos eran escasos e a profesión perigosa. Esixía camiñar baixo os cantís nos que se producían frecuentes caídas de rochas, e Joseph abandonou o oficio. En 1820, Mary atopou o esqueleto dun novo réptil mariño, un plesiosaurio. O seu pescozo extremadamente longo levantou as sospeitas do anatomista Georges Cuvier, que suxeriu que se trataba dunha falsificación. A polémica resolveuse, Cuvier rectificou e a tenda de Mary comezou a ser frecuentada por xeólogos e coleccionistas internacionais. Mary aprendeu dos fósiles de maneira autodidacta: copiaba artigos científicos, realizaba ilustracións, facía diseccións a peixes e chocos... Así a todo, os seus compañeiros atribuían os seus méritos a un favor divino, porque cun ano de idade era a milagreira supervivente do raio. Mary era consciente de que os Cabaleiros da Ciencia a utilizaban para gañar prestixio sen mencionala e esta situación non cambiou ata 1828, cando localizou o primeiro esqueleto de pterosaurio fóra de Alemaña e o xeólogo William Buckland deulle a autoría do achado. Anning faleceu de cancro a unha idade moi nova, ós 47 anos. Os seus achados demostraron que, en eras anteriores, a Terra estivo habitada por especies moi diferentes ás actuais, o que cuestionou as teorías creacionistas e creou as bases da Teoría da Evolución que Darwin formularía 50 anos despois. E aínda que a súa obra se realizaba á marxe das institucións, nelas quedou gravado o seu nome. Construíuse unha vidreira na igrexa de Lymes Regis “en conmemoración da súa capacidade para promover a ciencia da Xeoloxía” e a Sociedade Xeolóxica de Londres publicou un panexírico, o primeiro dedicado a unha muller e o único a alguén que non pertencera a ela. A humilde Mary Anning conseguira pasar á Historia. “O mundo usoume con tan pouca consideración que me fixo sospeitar de calquera persoa” 15

RkJQdWJsaXNoZXIy MTcxMDUyNQ==