XEAS Mulleres que estudan a Terra

Kathryn Dwyer Sullivan A nosa EVA espacial « Pelo castaño, ollos verdes, 1,67 m de altura e 68 kg de peso », así describe a ficha oficial da NASA á primeira muller da historia que camiñou polo espazo. Kathryn Dwyer Sullivan naceu o 3 de outubro de 1951 en Paterson (Nova Jersey). O seu pai, enxeñeiro aeroespacial, transmitiu á súa filla o entusiasmo por todo o relacionado co Cosmos. Pero a moza Kathryn decidiu poñer os pés na Terra e estudar Xeoloxía na Universidade de California, licenciándose con honras en 1973. Cinco anos máis tarde, nas frías e fermosas terras de Nova Escocia (Canadá), conseguiu o seu doutoramento pola Universidade de Dalhousie. Durante os seus estudos en Canadá, Sullivan participou activamente nunha serie de expedicións oceanográficas sobre a dorsal Atlántica e o Océano Pacífico. No verán de 1979, a Dra. Sullivan deu un xiro copernicano á súa carreira, cambiando as turbulentas augas mariñas polo atronador silencio espacial. Tarde ou cedo, un regresa á infancia. Xa convertida nunha avantaxada astronauta da NASA, embarcouse no Transbordador Espacial Challenger para vivir a súa primeira misión espacial. Con 33 anos recentemente cumpridos, o 11 de outubro de 1984, Kathryn Dwyer Sullivan fixo historia: foi a primeira muller en realizar unha EVA (Actividade Extra-Vehicular). Xunto ó seu compañeiro, David Leetsma, camiñaron durante tres horas e media polo ingrávido espazo para mostrar ao mundo que o Challenger podía recargar en órbita. Kathryn Sullivan protagonizou dous voos espaciais máis. En abril de 1990, no Transbordador Espacial Discovery, contribuíu ao despregamento do telescopio Hubble, o ollo humano máis aló da atmosfera terrestre. Dous anos máis tarde, en abril de 1992, Sullivan foi nomeada comandante do Laboratorio Atmosférico de Aplicacións e Ciencias, situado no módulo de carga do Transbordador Espacial Atlantis. Desde alí dirixiu 12 experimentos científicos para escudriñar a atmosfera da Terra. Tras contar no seu haber con 532 horas no espazo, Kathryn Sullivan abandona definitivamente a Nasa en 1993 para ocupar cargos de relevancia en diferentes institucións científicas. No ano 2011, o senado dos Estados Unidos ratifica -por unanimidade- a proposta do presidente Barack Obama de nomear á Dra. Sullivan co cargo de Subsecretaria de Comercio para a Observación e Predición Ambiental, así como Administradora Adxunta da Administración Nacional Oceánica e Atmosférica (NOAA). A xeóloga consegue axuntar Terra, Mar e Aire baixo a á dunha gran responsabilidade política. No ano 2017, cesa dos cargos públicos e permítese unha vida dedicada á divulgación científica. Pero aínda quedaba unha fazaña máis para sorprender ó mundo. En xuño de 2020, 36 anos despois da camiñada espacial, Sullivan convértese na primeira muller en chegar ó Challenger Deep, o punto máis profundo da Terra, situado a case 11,000 m de profundidade no Pacífico Sur. Kathryn D. Sullivan levou unha vida de altibaixos, no sentido máis literal da palabra. É o que ten ser unha muller de altos voos e fonda sabedoría. O ruído dos seus pasos polo espazo seguirá deambulando polos confíns do Universo. 36

RkJQdWJsaXNoZXIy MTcxMDUyNQ==