XEAS Mulleres que estudan a Terra

Katia Krafft Vida (e morte) á beira do volcán A maxestosidade dos volcáns cativou a todas as culturas desde tempos inmemoriais. Non en balde, protagonizaron multitude de mitos e lendas que pretendían dar algún sentido á súa pavorosa e letal beleza. Katia Krafft non foi inmune a esa atracción e a súa ousadía ó achegarse a eles proporcionounos un legado científico inigualable. Katia Conrad naceu na rexión francesa de Alsacia en 1942. Durante a súa adolescencia devoraba todo o que caese nas súas mans sobre volcáns. Os seus pais, unha mestra e un obreiro sen relación algunha coa xeoloxía, levárona de viaxe a Sicilia para que saciase a súa sede destes grandes colosos vendo o Etna, o Estrómboli e o Vulcano. Estudou na Universidade de Estrasburgo, onde se especializou en física e xeoquímica. Curiosa e metódica, o seu primeiro traballo científico brindoulle recoñecemento como nova promesa da vulcanoloxía. Neses anos coñeceu a quen sería o seu marido e compañeiro, Maurice Krafft; un xeólogo que, como ela, crecera soñando con volcáns. A partir de aquí, as súas traxectorias persoal e profesional fanse indisolubles. Katia e Maurice dedicaron a súa vida para viaxar a calquera lugar do mundo ante o mínimo indicio de erupción inminente. Cámara en ristre, foron pioneiros en fotografar e filmar volcáns a pouca distancia da lava. Eran conscientes de que a súa paixón polos volcáns eclipsaba por completo a súa percepción do perigo. Coma se fosen atraídos por enfeitizados cantos de sereas, achegábanse sen reservas a un perigo do que calquera fuxiría sen dubidar. Ás veces, dicían, non podían gravar e todo o que facían era quedar quietos, hipnotizados pola calor e a lava que desprendían. Tachados de extravagantes nos seus inicios, erupción tras erupción, as súas reportaxes comezaron a espertar maior interese entre a comunidade científica, público e autoridades. A pesar de que as mostras de gases e rochas que tomaban permitiron desenvolver investigacións relevantes, foi a divulgación dese coñecemento o que fixo aos Demos do volcán cada vez máis recoñecidos. Nos últimos anos, traballaron no deseño de campañas de información sobre o risco volcánico e no desenvolvemento de dispositivos de alarma e auxilio. O seu documental sobre as devastadoras consecuencias da erupción do Nevado do Ruiz (Colombia, 1985) serviu para convencer ás autoridades Filipinas, en 1991, de que a evacuación da poboación era necesaria ante a inminente erupción do Pinatubo, salvando miles de vidas. Ese mesmo ano espertou o Monte Unzen tras máis de dous séculos de letargo. Como era habitual, Katia e Maurice deixárono todo para viaxar a Xapón e filmar a que cualificarían como “ a erupción máis perigosa que viran na súa vida ”, e xa foran testemuñas de máis de 150 nos seus 25 anos de carreira. A pesar da súa experiencia e precaucións, non puideron evitar que unha nube ardente de gases, rochas e cinzas os envolvese en cuestión de segundos. Faleceron xunto a outro vulcanólogo e corenta xornalistas que cubrían a noticia da erupción. Aínda que ante os nosos ollos o seu final poida parecer tráxico, os Krafft morreron como elixiron vivir: xuntos e “ preto dun cráter, sentindo a súa calor na cara ”. “Non é que coquetee coa morte, a estas alturas non me importa, está o pracer de achegarse á besta pese ó risco de que che poda atrapar” 35

RkJQdWJsaXNoZXIy MTcxMDUyNQ==