XEAS Mulleres que estudan a Terra

Carmina Virgili i Rodon Un camiño firme cara á democracia Alteracións bruscas ou prolongadas do clima foron o detonante de 5 extincións masivas ó longo da historia da Terra. Carmina Virgili apaixonouse pola maior delas, a do Pérmico-Triásico, que provocou a desaparición do 96% das especies fai uns 250 millóns de anos. O que quizais non imaxinaba, estudando as rochas daquela época, é que ela mesma sería motor de importantes cambios na nosa historia recente. Carmina naceu en 1927 nunha familia acomodada de Barcelona. Os seus pais preocupáronse de que recibise educación universitaria cando aínda non era común. Cursou maxisterio e máis tarde licenciouse e doutorouse (1956) en Ciencias Naturais pola Universidade de Barcelona, onde exerceu como profesora. Coa súa nai, farmacéutica, forxou unha relación estreita tras compartir innumerables xornadas de campo, recollendo plantas primeiro e facendo observacións xeolóxicas despois. Nunha das súas saídas, un paisano que viu á rapariga polo monte achegouse e deulles os datos dunha costureira que lle proporcionaría un traballo co que deixar de facer cousas que non eran de señorita . Quizais fose a primeira vez, aínda que non a última, que Carmina tivo que enfrontarse aos prexuízos de ser muller nun ambiente de homes. En 1963, converteuse na primeira catedrática da Universidade de Oviedo e na terceira de España. A súa presenza insólita e exótica non foi ben acollida nuns claustros universitarios aínda reticentes á entrada de mulleres. Estas dificultades non conseguiron limitala e desenvolveu o seu liderado mesmo nun contexto adverso. En 1968, trasládase á Universidade Complutense de Madrid onde continúa investigando e dando clase ata que é nomeada Decana da Facultade de Ciencias Xeolóxicas, a primeira dunha facultade española. Especializouse na estratigrafía do Triásico e do Pérmico, unha época convulsa e de grandes cambios, como o momento político que lle tocou vivir. Nos últimos anos de ditadura, Carmina formou parte da organización socialista clandestina e implicouse nos cambios que se estaban producindo na universidade. En 1982, ocupou a Secretaría de Estado de Universidade e Investigación do primeiro goberno de Felipe González e redactou a Lei de Reforma Universitaria e a Lei da Ciencia. Estas leis foron o revulsivo para que a obsoleta universidade franquista se convertera nunha universidade máis democrática, comprometida coa investigación e aberta á sociedade. Dimitiu en 1985 debido aos problemas de saúde da súa nai. Algúns anos despois dirixiu o Colexio de España en París, onde realizou unha incansable labor de difusión cultural e, en 1996, retomou a súa actividade política como senadora. A súa valía humana e científica permitiulle superar multitude de prexuízos de xénero, converténdose nun referente ao alcanzar importantes fitos vetados ás mulleres. A súa paixón pola xeoloxía e a súa loita pola democracia e as liberdades valéronlle innumerables premios e recoñecementos de diferentes universidades e dos gobernos de Francia e España. Faleceu en 2014 e coa doazón do seu corpo á ciencia perpetuou, máis aló da morte, o seu compromiso coa investigación. “Quedo coa pequena satisfacción de pensar que contribuín a facer os primeiros zapatos cos que a nosa universidade comezou o camiño cara á súa autonomía.” 31

RkJQdWJsaXNoZXIy MTcxMDUyNQ==