XEAS Mulleres que estudan a Terra

Inge Lehmann O latexo do sólido corazón da Terra A invención do sismógrafo moderno, en 1880, provocou que as especulacións sobre o interior da Terra caeran como un castelo de naipes. Nesa mesma década, na que a ciencia aínda era un territorio hostil para as mulleres, naceu a científica que resolvería a última gran incógnita: a estrutura do núcleo terrestre. En 1888, unha familia relevante de Copenhague recibiu a que, aínda sen sabelo, sería o seumembromáis ilustre: Inge Lehmann. A nena foi educada no ambiente igualitario dunha escola mixta e progresista. Este ambiente, pouco habitual para a época, empuxou a Inge a desenvolverse plenamente, pero non puido evitar que se enfrontase á realidade anos despois. Estudou matemáticas nas universidades de Copenhague e Cambridge. Despois de licenciarse, comezou a traballar nunha oficina de seguros ata que, en 1925, foi contratada para instalar os primeiros observatorios sismolóxicos en Dinamarca e Groenlandia. Deste xeito fortuíto, especializouse en sismoloxía nun país practicamente asísmico pero, como saberá máis tarde, cunha localización idónea para rexistrar terremotos que se producían en zonas xeolóxicamente activas e afastadas da Terra, como o Pacífico Sur. En 1927 realiza estancias en centros de investigación de Alemaña, Francia, Países Baixos e Bélxica que lle permiten contactar con grandes especialistas da época, como Beno Gutenberg. Despois do seu periplo europeo, Inge é nomeada primeira xefa do departamento de sismoloxía do “Real Instituto Xeodésico Danés”. Encargouse do mantemento e reparación dos equipos, así como da interpretación dos sismogramas e da publicación dos boletíns de datos. Traballaba practicamente soa, o que lle deu un coñecemento inigualable dos patróns que as ondas sísmicas trazaban ó atravesar a Terra. Aínda que a realización de traballos científicos non era unha das súas funcións, a Inge intrigáballe o feito de que as ondas P non se comportasen segundo a estrutura coñecida nese momento. Comezou a sospeitar que outra cousa se agochaba no núcleo líquido da Terra ó observar os diferentes patróns de desviación e cambio de velocidade que experimentaban as ondas que conseguían atravesalo. En 1929, un gran terremoto sacudiu Nova Zelanda e proporcionoulle a clave do problema. Despois de anos de minuciosa análise, en 1936 publicou un artigo cuxo breve título (P’) non permitía intuír a revolución que produciría. Nela, Inge describe unha nova descontinuidade sísmica na estrutura da Terra, unha nova fronteira que separaba o xa coñecido núcleo externo líquido dun núcleo interno sólido descoñecido. Despois deste gran logro, Inge continuou a súa investigación e converteuse nunha das principais expertas mundiais sobre o manto terrestre. Respectada internacionalmente, en 1953 xubilouse do seu posto no observatorio e dedicouse a viaxar polo mundo para colaborar alí onde a reclamaran. Foi a primeira muller en recibir a Medalla William Bowie, o máximo galardón en xeofísica, por ser “a mestra dunha arte negra da que un ordenador nunca pode substituír”; unha frase case esotérica que reflectía a análise minuciosa e os medios rudimentarios cos que Inge respondeu ás grandes preguntas científicas dunha era pre-dixital. Morreu en 1993, ós 104 anos, na asísmica Dinamarca. “Nunca percibín diferenzas entre o intelecto de nenos e nenas, o que me provocou certa decepción cando comprobei que esta non era a actitude xeral” 19

RkJQdWJsaXNoZXIy MTcxMDUyNQ==