XEAS Mulleres que estudan a Terra

Prólogo A xeoloxía é a ciencia que explora a Terra, que remexe as súas entrañas para coñecer as sacudidas e desvaríos que viviu o noso planeta baixo a plenitude do tempo. Dende as súas orixes, o ser humano sentiuse atraído polos interrogantes que esconde esa esfera achatada que se ve coma un punto azul dende o espazo. E a pesar de que a curiosidade e o talento non entenden de xéneros, a historia oficial omitiu sen reparos as aportacións de excelentes mulleres que, non só se enfrontaron ó descoñecido, senón que tiveron que lidar con estereotipos e convencións sociais. Con XEAS: Mulleres que estudan a Terra viaxaremos no tempo para dar voz a 12 xeólogas de épocas, contextos históricos e nacionalidades diferentes, pero cun denominador común: deixaron unha pegada imborrable sobre os estratos do coñecemento. Doce mulleres que retaron á sociedade da súa época para avanzar no difícil e sacrificado camiño da Ciencia. Comezaremos esta travesía coas desventuras de Mary Anning nos albores do século XIX; seremos testemuñas de avances revolucionarios no XX e remataremos flotando no espazo da man de Kathryn Dwyer, xa no XXI. É unha realidade incontestable que fomos formados sen elas, que medramos sen os seus nomes e que enfrontamos as nosas carreiras científicas sen apenas referencias femininas. Chegou a hora de sacalas á luz, de sacudir o po dos libros e de encher as liñas que faltan cos seus logros, fazañas e descubrimentos.

RkJQdWJsaXNoZXIy MTcxMDUyNQ==