XEAS Mulleres que estudan a Terra

Dorothy Hill A Amazona dos Mares de Coral Son poucas as xeólogas da historia da Ciencia que atesouren tantas distincións e homenaxes como a australiana Dorothy Hill, recoñecida mundialmente como unha autoridade en Paleontoloxía. A súa investigación centrouse nos restos fósiles de pequenos invertebrados que viven formando grandes colonias en mares tropicais e subtropicais, e que hoxe representan un dos ecosistemas máis ameazados da Terra: os corais. Dorothy Hill naceu o 10 de setembro de 1907 en Brisbane, unha cidade cosmopolita bañada polas claras augas do Mar de Coral. Era a terceira de sete irmáns e creceu nunha familia modesta sen relación algunha coa Ciencia. Segundo os recordos familiares, Dorothy tiña unha mente moi esperta e comezou a sobresaír nos estudos dende pequena. A súa vida escolar resúmese nunha sucesión de bolsas de estudios e logros que lle permiten ingresar (con 17 anos) na Facultade de Ciencias da Universidade de Queensland. Alí a súa primixenia vocación pola Química dá un xiro. Grazas á influencia do profesor H.C. Richards, un entusiasta xeólogo moi apreciado polos estudantes, Dorothy acaba licenciándose en Xeoloxía en 1928. E fíxoo ó grande: cunha medalla de ouro ao mérito excepcional. A moza Hill non só destacou nos estudos, tamén o fixo nos deportes. Practicou o atletismo, a natación, o remo… E destacou no equipo feminino de hóckey da Universidade. Pero se hai unha imaxe simbólica de Dorothy Hill é a de amazona, xa que gran parte do seu traballo de campo realizouno a lombos de cabalo. Desta guisa abordou a súa primeira investigación, cabalgando polos mares fósiles do oeste australiano en busca dos afloramentos de corais carboníferos. Dorothy Hill marchouse a Inglaterra en 1931 tras conseguir unha bolsa pola Universidade de Cambridge para realizar o doutoramento. A moza australiana atopou o camiño para relacionarse cos grandes paleontólogos británicos da época. Conseguiu unha sólida formación na súa temática, a paleontoloxía de invertebrados mariños, e asumiu unha rigorosa forma de abordar o traballo científico que aplicou o resto da súa vida. En paralelo, a vea aventureira de Dorothy disparouse pola verde campiña inglesa: conseguiu unha licenza para pilotar avionetas e participou en carreiras de coches como avezada condutora. Permaneceu en Inglaterra ata 1937, aceptando o reclamo do seu querido profesor, o Dr. Richards, para regresar á súa universidade de orixe. E aquí comeza unha carreira científica sen parangón, non só como investigadora na Universidade de Queensland, senón como consultora para a industria do petróleo grazas ós seus avanzados coñecementos en estratigrafía. A súa frutífera traxectoria viuse unicamente interrompida durante a Segunda Guerra Mundial, cando Dorothy se alista no Servizo Naval Australiano para dirixir un equipo de descifrado e codificación de mensaxes. De novo, a intrépida Hill. Esta gran amazona da xeoloxía deixou un enorme legado de artigos científicos e publicacións, así como un ronsel de primicias: foi a primeira profesora dunha universidade australiana (1959) e a primeira muller presidenta da Academia Australiana das Ciencias (1970). Morreu en Brisbane o 23 abril de 1997 “Non hai que esperar a que o mundo nos ofreza o que cremos que merecemos”. 23

RkJQdWJsaXNoZXIy MTcxMDUyNQ==