XEAS Mulleres que estudan a Terra

María Fernanda Campa Uranga, la Chata Xeoloxía e Revolución Hai países onde a xeoloxía está a flor de pel, e México é un deles. Bañado por dous grandes océanos, México recibe os desvaríos de cinco placas tectónicas que tinguen a súa paisaxe de volcáns, como o colosal Popocatépetl, e onde os grandes terremotos marcaron a súa historia pasada e recente. Neste revolucionario contexto só podía xurdir unha muller como a Chata Campa. María Fernanda Campa Uranga nace en Ciudad de México o 22 de marzo de 1940, no seo dunha familia de esquerda militante e combativa. O seu pai, Valentín Campa, foi líder sindical do ferrocarril, e pasou a metade da súa vida no cárcere. A súa nai, Consolo Uranga ( a Roja ), foi incansable na loita polos dereitos da muller e tenaz defensora dos traballadores. Tamén era unha muller moi culta, que sostiña á familia coas súas traducións do francés e inglés, ademais de dirixir varios xornais na clandestinidade. Entre libros, militancia e referentes femininos, foise forxando a axitada personalidade da Chata Campa. Con apenas 17 anos, María Fernanda ingresa no Partido Comunista Mexicano, iniciando así unha militancia activa como líder estudantil que lle permitiu coñecer ao mesmo Che Guevara en Serra Mestra. Durante a revolta dos estudantes de 1968, tivo a desgraza de vivir en primeira persoa a Matanza de Tlatelolco, un xenocidio que marcou a historia mexicana do século XX e que deixou sobre a Praza das Tres Culturas un regueiro de varios centenares de mortos. Tras unha escolarización brillante, a Chata cursou os estudos de enxeñería xeolóxica no Instituto Politécnico Nacional, sendo a primeira muller do país con este título debaixo do brazo. Como xeóloga, tamén revolucionou o panorama. Participou na fundación do Instituto Mexicano do Petróleo e na creación do Grupo de Enxeñeiros Constitución do 17, cuxo obxectivo era defender o carácter público e inalienable das riquezas do subsolo. Traballou durante anos na exploración de xacementos para Pemex (Petróleos Mexicanos), onde realizou o seu doutoramento en 1977. Foi entón cando a Chata deu o paso á docencia, fundando a Escola de Ciencias da Terra na Universidade de Txaco, para terminar como profesora na Universidade Autónoma da Cidade de México. A súa marca profesional foi a perseveranza e a xenerosidade. Durante o terremoto de 2017, xa anciá, liderou a un grupo de investigadoras para cartografar os efectos da sacudida sísmica en Cidade de México. En xaneiro de 2019, aos 78 anos de idade, morreu a Chata Campa. A Cámara dos Deputados de México gardou un minuto de silencio na súa memoria. Marchouse unha muller loitadora, reivindicativa, que deu un sentido ideolóxico á profesión. A súa grande amiga, a escritora Elena Poniatowska, dedicoulle esta frase: ti levantas remuíños ó teu paso . “Xeoloxía e Revolución” foron as dúas paixóns desta xeóloga miudiña, de nariz esmagado, á que lle gustaba moito ler e platicar nos cafés de sobremesa; trasegar pola vida con esa cadencia propia dos trópicos, ao abrigo tamén das turbulencias da Terra. “Só lendo, estudando e cuestionando podemos saír da ignorancia. A nosa sacudida pasa pola cultura” 32

RkJQdWJsaXNoZXIy MTcxMDUyNQ==