XEAS Mulleres que estudan a Terra

Marguerite Thomas Williams She had a dream As beiras do río Anacostia foron lugar de asentamento de numerosas tribos de indios nativos norteamericanos. O río flúe con preguiza atravesando a cidade de Washington, para verter as súas augas no río Potomac, deixándolle tamén como ofrenda unha gran carga de sedimentos. A dinámica fluvial da pequena conca hidrolóxica do Anacostia foi obxecto da tese doutoral dunha muller singular: Marguerite Thomas Williams, a primeira persoa afroamericana que conseguiu un doutoramento en Xeoloxía. Era o ano 1942, en plena Guerra Mundial, cando os dereitos da poboación negra de EEUU aínda non estaban en papel. Faltaban aínda 13 anos para que outra muller de cor, Rosa Parks, se negase a ceder o seu asento do autobús a un home branco e acendese a chispa do gran movemento polos dereitos civís dos cidadáns afroamericanos. Marguerite Thomas naceu o día de Noiteboa de 1895 en Washington D. C. Filla de Henry e Clara Thomas, foi a menor dunha numerosa familia de seis irmáns. Asistiu á Escola Normal para Nenas de Cor e conseguiu unha bolsa da Universidade de Howard para facerse mestra, obxectivo que alcanzou en 1916. Pero os seus intereses estaban máis aló das xanelas da aula; a súa mente voaba atravesando ríos, montañas, lagos e bosques, porque a verdadeira paixón da moza Marguerite era a Natureza. Desta forma, compaxinou o maxisterio na escola elemental con estudos superiores en Ciencias Naturais, terminando a súa licenciatura na especialidade de Xeoloxía no ano 1923. O profesor e biólogo afroamericano Ernest Everett foi determinante na súa carreira. Tomou a decisión de apadriñar e dirixir a carreira científica de dúas raparigas de cor: Roger Arliner (primeira doutora afroamericana en zooloxía) e Marguerite Thomas. O Dr. Everett faría constar a alta cualificación académica de Marguerite, a súa agudeza para a ciencia e o sentido crítico das súas reflexións. Desta forma, Marguerite conseguiu unha praza permanente no Miner Teacher’s College, o principal centro universitario de formación do profesorado negro que moitos anos despois sería absorbido pola Universidade do Distrito de Columbia. Alí liderou durante unha década o Departamento de Xeoloxía, e impartiu clases a mozos universitarios segregados pola cor da pel. Na disertación da súa tese sobre o río Anacostia, Marguerite Thomas apuntou que a virulencia do río, reflectida en tráxicas inundacións, estaba ligada á transformación humana da súa conca de drenaxe: deforestación, agricultura intensiva, urbanización, etc. Marguerite non só foi unha visionaria sobre a relevancia da actividade humana como axente xeomorfolóxico, senón que espertou unha nova forma de entender os procesos xeolóxicos. 60 anos despois daquela tese, en pleno século XXI, a comunidade científica vese na tesitura de formular un novo período xeolóxico: o Antropoceno, a Idade dos Humanos. Mentres os grandes escaladores do mundo coroaban cimas xamais pisadas, como a do Everest, unha muller negra chegou co seu esforzo e perseveranza a un cume aínda máis difícil: a que rompe prexuízos, desigualdades e racismo. Ser muller, negra e xeóloga era unha tremenda audacia naqueles tempos de posguerra 20

RkJQdWJsaXNoZXIy MTcxMDUyNQ==